Thursday 02 de May de 2024

A Banda Municipal protagoniza o concerto deste xoves no festival RESIS, con José Trigueros como director convidado e Noé Rodrigo como solista


Na actuación, que terá lugar no Teatro Colón, estrearase en España a ‘Percussion concerto’, unha obra composta por Brett William Dietz

A sesión, que comezará ás 20.00 horas, será de acceso libre ata completar a capacidade prevista no recinto

O Festival de Música Contemporánea e Artes Vivas da Coruña, RESIS, chega esta semana ao Teatro Colón, cun concerto no que a Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) estará acompañada por José Trigueros, director asociado da Orquestra Sinfónica de Galicia, como director convidado, e con Noé Rodrigo, percusionista especializado en música contemporánea, como solista.

A actuación, que terá lugar este xoves (20.00 horas) e será de acceso libre ata completar a capacidade prevista no recinto, abrirarse coa estrea da versión revisada da peza ‘A cova sumerxida’, inspirada na lenda popular da serea Maruxaina, obra da compositora ribadense Carme Rodríguez.

A continuación terá lugar a estrea en España de ‘Percussion Concerto’, unha obra composta por Brett William Dietz para percusión solista, que consta de tres movementos moi diferentes entre si, de alto nivel emocional.

Pechará o concerto a obra que dá nome ao concerto, ‘Déserts’, de Edgar Varese. É unha das pezas máis emblemáticas do compositor francés, que a define como un retrato “non só dos desertos físicos de area, mar, montañas e neve, senón tamén do espazo interior de todos os desertos que a xente pode atravesar”.

Juan Miguel Romero Llopis, director titular da Banda Municipal, apunta que ‘Déserts’, a obra que leva o emblema do programa do concerto, “é unha peza para grupo de vento e percusión, con piano”.

A programación da actuación abrangue, ademais, un coloquio final no que José Trigueros, Carme Rodríguez e Noé Rodrigo achegarán ao público asistente, sobre as táboas, as súas experiencias persoais e profesionais vencelladas ao mundo da música, facéndoas visibles tamén ante as novas xeracións.

O percorrido da BMMC no Festival RESIS

É a segunda vez que a Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) toma parte no RESIS, tras a experiencia colleitada pola agrupación na pasada edición do festival. “Isto amosa, tamén, a versatilidade de rexistros da Banda”, sostén Romero Llopis.